Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta anima aos concellos a solicitar as axudas para a promoción da igualdade, dotadas este ano con 4,2 millóns


Os programas inclúen o fomento da conciliación; a prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e o apoio aos centros de información ás mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial, Ovidio Rodeiro, presentaron na Coruña a orde de axudas do Goberno galego para o desenvolvemento de programas de fomento da conciliación; de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e de apoio aos centros de información ás mulleres. Estas axudas contan cun orzamento este ano de máis de 4,2 millóns de euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo, e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos.

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos tomar medidas para para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Conta cun orzamento total que supera os 494.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular.

O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos. É novidade nestas dúas liñas, con respecto a anteriores convocatorias, que as actuacións subvencionables abranguen as accións desenvolvidas entre o 1 de decembro de 2016 e o 30 de setembro deste ano.

A terceira liña de axudas é o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM). Co obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, o goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM de a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros.

Entidades beneficiadas o pasado ano
A provincia da Coruña foi o pasado ano a que máis subvención recibiu de toda Galicia, cun importe total superior aos 1,3 millóns de euros. En concreto, a xestión compartida no ámbito dos 29 CIM en funcionamento recibiu un investimento total de algo máis dun millón de euros. para un total de 53 concellos, 33 con xestión compartida, fronte a 20 con xestión individualizada. Once concellos da provincia recibiron, para programas de fomento da conciliación, subvencións por un importe total de 92.000 euros. Por último, dous concellos recibiron en 2016 subvención para Programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, por un importe total de 3.600 euros.

Coa convocatoria destas axudas, a Secretaría Xeral da Igualdade pretende por en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do valor da igualdade e transmitir a coordinación e colaboración existente entre a Administración autonómica e a local. “Consideramos que as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas orientadas a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas”, remarcou Susana López Abella.